Por que Galiza?
Galiza é este 2008 convidada de honra no principal evento internacional da cultura marítima, que ten lugar entre o 11 e o 17 de xullo na Bretaña francesa: a Festa Marítima Internacional de Brest.
A nosa terra goza, como convidada, da compaña doutros países de forte tradición marítima: Croacia, Noruega, Madagascar e Vietnam. Un merecido recoñecemento para o noso país - primeira nación que non é estado que acode á Festa - , lugar de referencia dentro da Península Ibérica na organización de encontros de embarcacións tradicionais desde 1993 e posuidor dun inmenso patrimonio vinculado ao mar e aos ríos.
Arredor dun millón de visitantes poderán coñecer as nosas tradicións mariñeiras e embarcacións senlleiras, a nosa música e a nosa gastronomía. Pero Brest é tamén un excelente lugar para dar a coñecer internacionalmente o conxunto da identidade e da cultura de Galiza como país. A programación diaria que terá lugar no Village Galice, cobrará especial importancia o 16 de xullo, o Día de Galicia dentro da Festa.
A participación de Galiza como país convidado de honra na Festa Marítima Internacional de Brest 2008 é un proxecto da Consellaría de Cultura e Deporte e da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial.
A colaboración entre a Consellaría e a Federación constitúe unha aposta a longo prazo pola promoción da cultura marítima e fluvial de Galiza. Neste sentido, Consellaría e Federación colaboran desde o 2006 nun programa de difusión e de posta en valor do noso patrimonio coa proa posta cara a Brest. Dentro desta colaboración figuran:
- Proxecto NaBeira: promoción do patrimonio marítimo e fluvial galego en 11 localidades de toda Galiza durante a primavera e o verán do 2007.
- Exposición Patrimonio do vento e do sal: embarcacións tradicionais de Galicia.
- Asistencia a salóns náuticos en Galiza e en Francia durante o 2007 e o 2008
- VIII Encontro de Embarcacións Tradicionais, que tivo lugar en Ferrol en xullo do 2007 e no que participaron máis de un cento de embarcacións procedentes de toda a Península Ibérica e de Francia.
- Itinerancia Galicia en Brest: Santiago de Compostela, A Coruña, Ferrol, Pontevedra e Vigo.