O Programa de Galiza
Galicia en Brest ten un dobre programa, un centrado nas actividades no mar e outro nas que se desenvolven na terra. Os seus obxectivos fundamentais son os de mostrar a todo o mundo a cultura marítima e fluvial galega e a nosa identidade e cultura como país; así como de fortalecer as entidades que traballan na recuperación do patrimonio marítimo e fluvial.
Na terra
Arredor de 1.500m² constitúen o Village Galiza, un espazo no corazón do evento que conta con 5 carpas arredor dunha praza central sobre a que xiran as seguintes actividades:
- Exposición sobre o patrimonio marítimo e fluvial galego, a paisaxe costeira galega e o mar galego como vía de comunicación con outras culturas
- Dúas oficinas de información sobre Galiza en material audiovisual e impreso
- Obradoiros participativos de cesteiría
- Actividades de exhibición da carpintería de ribeira, que amosan como se constrúe unha dorna co apoio de material audiovisual
- Concertos e espectáculos musicais
- Servizo de restauración e produtos galegos de calidade
- Proxección de material audiovisual especificamente elaborado para Brest nunha gran pantalla de 10 m2 que funciona como unha gran fiestra a Galiza
A música galega está representada polos grupos Treixadura e Leilía. Ademais de concertos o espazo galego conta con pasarrúas musicais e obradoiros de baile.
A imaxe de Galiza no conxunto da celebración cobrará unha especial relevancia o 16 de xullo, cando terá lugar o Día de Galiza; unha data que coincide coa festividade dos mariñeiros. Nesa xornada haberá unha programación especial para que Galiza se converta na protagonista do evento.
No mar
A representación galega conta con 25 embarcacións tradicionais: dornas, gamelas, botes, galeóns e bucetas, entre outras, participan desta Festa marítima. As embarcacións están amarradas a carón do "village" galego, e participan todos os días en desfiles temáticos xunto con embarcacións doutros países. O día 17 sumaranse ao resto dos países nunha regata final.
O día 16, Día de Galiza en Brest, terá lugar a botadura da dorna que ata entón estará construíndo o carpinteiro de ribeira, seguida dun desfile comentado do conxunto da frota galega. Xa pola noite, Galiza liderará unha frota no desfile con iluminación, no cal tamén participarán embarcacións bretoas, irlandesas ou croatas.
Información de utilidade
Aloxamento
A web de Festa Marítima de Brest 08 ofrece un buscador de aloxamentos para a estancia na cidade durante a celebracion do evento.
hebergement-brest2008.fr
Atención a discapacitados e persoas con mobilidade reducida
A organización da festa conta cun dispositivo especial para a atención a persoas con discapacidades ou mobilidade reducida, que debe de ser solicitado previamente no seguinte e-mail:
cathy.camus

brest2008.fr
Venda de entradas
O 17 de xullo día do peche da festa pódese ver de balde a regata Brest-Douarnenez. Para o resto das xornadas é preciso mercar entrada.
- Consulta os prezos na web da Festa Marítima Internacional Brest 2008.