A festa
A tradición mariñeira de Brest faise patente coa celebración cada catro anos desta festa grande de homenaxe ao mar. O 1992 abriu a singradura dun evento que, cada catro anos, achega ao noroeste francés as velas das embarcacións de ducias de países de todo o mundo.
Brest 2008
Desde o ano 1992, e cada catro anos, a cidade de Brest acolle o máis grande evento marítimo do mundo. Embarcacións tradicionais, antigas, clásicas e actuais de países de todo o mundo deixan os seus portos de orixe e viaxan á cidade do noroeste francés.
Este ano Galiza participa como convidada de honra, xunto a países de recoñecida tradición mariñeira: Vietnam, Noruega, Madagascar e Croacia. Todos eles contarán coa súa propia vila (village) dentro de Brest, un espazo no que dar a coñecer as súas tradicións mariñeiras, e tamén a súa cultura, música e gastronomía.
O amplo espazo no que se desenvolve a festa, durante sete días, está composto polo Porto do Comercio, as beiras do Penfeld, a Quinta Dársena do Leste e o Porto Deportivo do Castelo. A excelente organización dos espazos e os percorridos temáticos permiten que o visitante goce con todos os espazos e propostas desenvolvidas para esta edición.
O
millón de visitantes que se agardan para a presente edición, poden contemplar un espectáculo náutico permanente, gozando por primeira vez desde o nacemento da Festa do novo Porto Deportivo do Castelo. Este emprazamento constitúe un fantástico miradoiro aberto sobre a "Rade Abri", desde o que contemplar as evolucións e movementos das frotas.
As manobras desenvólvense entre as 11.30 e as 13.00 horas e entre as 14.00 e as 17.00. O regreso ao porto ten lugar entre ás 17.00 e 18.00 horas. Entre as 23.00 e 23.00 cada noite teñen lugar os Desfiles Nocturnos, acompañados, dúas das noites, por espectáculos de fogos artificiais.
Arredor de 2000 embarcacións, 25 nacións, 15000 mariñeiros, 300 expositores, 2000 animadores, 5000 voluntarios e 350 empresas protagonizan esta 5ª edición da Festa Marítima Internacional de Brest.
Arriba
Algo de historia
Situada no Finistère francés, esta cidade bretoa trae a súa vocación mariñeira desde moi antigo, cando os romanos levantaron entre o 250 e o 350 d.C. o campamento á beira do mar do que xurdiría a cidadela de Brest.
A estratéxica disposición da vila fíxoa obxecto de contendas militares ao longo de toda a súa historia. Richelieu estableceu alí o porto militar, mais sería Luis XIV quen convertiría a cidade no primeiro gran porto da Mariña Real. Como eixo comercial da rexión viviría o seu momento álxido no século XVIII e no período da Revolución Industrial.
Hoxe en día, Brest é unha das cidades máis importantes da Bretaña francesa e sede do Centro Nacional de Explotación dos Océanos e do Centro Oceanográfico de Bretaña. A súa actividade económica céntrase nos asteleiros, a base naval, a universidade, as fábricas de maquinaria e a industria química. Brest, o sexto porto máis grande de Europa, é a sede da frota francesa do Atlántico e ten capacidade para naves de até 500.000 toneladas.
Arriba
Localización
Cunha superficie de 49.51 km² e situada a 34 metros de altitude, é a capital do departamento de Finistère á beira do río Penfeld e forma parte da mancomunidade Brest Métropole Océane. Atópase xunto á D-789 entre Plougastel-Daouluas (11 Km.) e Saint Mathieu (24 Km), a 62 Km. De Morlaix, 72 Km. de Quimper, 94 Km. de Lannion de 244 km. de Rennes. Os habitantes desta cidade son coñecidos como "brestois".
Arriba
Transportes
Avión
Aeroporto de Brest
Teléfono: 33 (0)2 98 32 01 00
Amplía información sobre as posibilidades de viaxe en avión na web da
Oficina de Turismo de Brest Métropole Océane.
Tren
Estación SNCF de Brest
Amplía información sobre as posibilidades de viaxe en tren na web da
Oficina de Turismo de Brest Métropole Océane.
Estrada
- Procedente de Renne (Paris): acceso de balde pola RN12-E50, vía rápida.
- Procedente de Quimper (Nantes): acceso de balde pola RN165-E60, vía rápida.
Desprazamentos na cidade
- Bicicleta: A oficina de turismo achega a posibilidade de realizar diferentes circuitos en bicicleta a partir de 2 €.
- Bus: A cidade conta con 19 liñas de transporte urbán diurnas e 8 nocturnas. Pódense consultar os horarios e rutas na web da Oficina de Bibus.
Arriba
Cultura e lecer
Os habitantes de Brest están moi apegados á súa cultura celta e a antiga lingua bretoa. Ao longo do ano celebran diversas festas coas que conmemorar fitos da súa historia, case sempre vinculados á súa vella tradición mariñeira.
A gastronomía baséase, como non podía ser menos, nos produtos do mar, aínda que gozan de recoñecida fama as súas crépes doces e salgadas e as tortas de manteiga Traou Mad, e no referente á bebida é moi aprezada a súa sidra.
A tradición e modernidade conviven dun xeito natural en Brest. Ás celebracións tradicionais incorpóranse outras máis modernas, e tamén cheas de interese, que van camiño de se converter nun clásico como o seu Festival Européen du Film Court de Brest, que con máis de vinte anos ás súas costas, é un referente dentro do mundo da curtametraxe.
Brest ten moitos atractivos turísticos, espazos para a práctica de deportes náuticos e fermosos paseos e xardíns: o bosque de Keroual, o forte de Questel, as beiras do río Penfeld ou os xardíns da Academia da Mariña.
O visitante que acuda á Festa Marítima Internacional de Brest 08 de seguro terá interese en visitar o seu castelo, que acolle o Museo Nacional da Mariña que con motivo da festa mostrará a exposición "Voiles du Bangladesh". Outro lugar de interese para visitar, tamén relacionado co mar, é o o aquarium Océanopolis - Le Parc de Découvert des Oceans.
Arriba
Contactos de interese
Association Brest 2008
18 quai Malbert
BP 22 208
29222 Brest cedex 2
Teléfono: 33(0)2 98 32 20 08
Fax : 33 (0)2 98 32 20 20
Oficina de Turismo de Brest Métropole Océane
Place de la Liberté
29200 Brest
Tlfno.: 33(0)2 98 44 24 96
E-mail: contact
brest-metropole-tourisme.fr
Oficina de Bibus (Concesionaria de Transporte Urbán)
33 boulevard Clémenceau
29 200 Brest
Teléfono: 33 (0)2 98 80 30 30
accueil
bibus.fr
Compañía Penn Ar Bed
Esta compañía ofrece paseos en embarcacións dunha hora de duración entre as 10.00 e as 17.00 horas, e un servizo especial ás 22.00 horas para contemplar as catro paradas nocturnas e os dous espectáculos pirotécnicos nocturnos da Festa Marítima Internacional de Brest 08.
Castelo de Brest - Museo da Mariña
Musée de la Marine - Château de Brest
29240 Brest
Teléfono: 33 (0)2 98 22 12 39
E-mail: m.guilloud
musee-marine.fr
Horario: das 10.00 da mañá ás 19.00 horas
Océanopolis - Le Parc de Découvert des Oceans
Port de Plaisance du Moulin Blanc
B.P. 91039 - 29210 Brest Cedex 1
Teléfono: 33 (0)2 98 34 40 40
Horario no mes de xullo: das 09.00 ás 19.00 horas
Arriba