A relación co mar

As galegas e os galegos de hoxe somos posuidores, por herdanza, dun inmenso patrimonio marítimo e fluvial que se foi conformando en milleiros de anos de vida a carón das ribeiras e en moitos séculos de navegación. Desde as primeiras singraduras dos seus moradores castrexos, a historia de Galiza é unha historia ligada ao mar. Arredor de 1.200 quilómetros de costa e coñecida como 'o país dos mil ríos' polas múltiples canles esparexidas por todo o territorio confirman que non podía ser doutro xeito.

O mar e a xeografía litoral de Galiza adquiren as súas marcas de identidade no período cuaternario, cando a erosión fluvial esculpe as nosas rías. Nace entón o símbolo da nosa orografía costeira e un espazo óptimo para a actividade pesqueira. A produtividade do noso mar non só foi sempre un motor económico esencial, senón tamén o principal garante dunha fértil cultura do mar.

Anzois, liñas e outros aparellos evidencian a práctica da pesca xa na cultura dos castros. Eis o inicio coñecido da relación ancestral entre Galiza e o mar. A actividade medra notablemente durante a romanización, pero é despois da caída do Imperio cando experimenta o seu primeiro grande desenvolvemento. O próspero corredor comercial Atlántico-Mediterráneo ten na Gallaecia algúns dos seus máis importantes portos.

Na Idade Media, a actividade pesqueira medra en prosperidade. Xorden os primeiros gremios de mariñeiros e moitas vilas e aldeas costeiras se configuran como tales. O mundo galego do mar é porto de chegada das grandes rutas comerciais e de peregrinación realizadas sobre todo por estranxeiros, pero ao tempo desenvolve a súa propia linguaxe e oficios. Moitos deles agroman xa no medievo temperán e aínda hoxe se manteñen vivos: redeiros, mareantes, estibadores, cordeiros, carpinteiros de ribeira...

A salgadura levou a nosa pesca fóra das nosas fronteiras. A súa rendibilidade foi aproveitada polos empresarios cataláns, que se instalaron nas nosas rías a partir do século XVIII, introducindo modos capitalistas de explotación. A industria da construción naval, primeiro en Ferrol e logo en Vigo, e mais a conserveira diversifican a actividade marítima no país. Fonte inesgotable de recursos durante tantos séculos, o mar tamén foi símbolo da distancia que separou milleiros de familias durante o período da emigración. Entre 1850 e 1930, un millón de galegos e galegas emprenderon a travesía oceánica, moitos dos cales non conseguiron tomar o camiño de volta.

Na actualidade, os barcos galegos están presentes en case todos os grandes caladoiros do mundo. A cuarta parte da pesca que desembarca en Europa procede de portos galegos ou está xestionada por empresas galegas do sector. Alén da actividade pesqueira, segue a haber moitos milleiros de galegos e galegas que atopan cada día o seu sustento na construción naval, na industria da conserva, na acuicultura ou no marisqueo.

Pois logo, o mar e Galiza constitúen un binomio inseparable desde os albores da nosa historia. Por iso son cada vez máis os esforzos colectivos da sociedade civil por recuperar e divulgar o inxente acervo cultural que legou esta relación íntima. As múltiples manifestacións da nosa cultura marítima e fluvial constitúen un corpus de incalculable valor que sempre ha ser peza clave da identidade galega e da nosa memoria colectiva.
Castro de Baroña, en Porto do Son

Castro de Baroña, en Porto do Son

A chegada do peixe a Vigo (1910)

A chegada do peixe a Vigo (1910)

Os primeiros vestixios de actividade pesqueira no litoral galego atopáronse en asentamentos castrexos

Ligazóns


conselleria de cultura e deporte