O noso patrimonio

Unha historia milenaria ligada ao mar e unha orografía litoral extensa e diversa deron lugar a un patrimonio inmenso que é preciso recuperar e socializar. Galiza mantén, ao igual que moitas outras culturas marítimas, unha frota tradicional autóctona caracterizada pola súa diversidade tipolóxica: os diversos mares que conflúen en Galiza deron lugar moitas formas de pesca que esixiron embarcacións adaptadas a cada área concreta.

Porén, o noso patrimonio marítimo e fluvial vai máis aló da fasquía dos nosos barcos. En tanto que patrimonio cultural, este enorme corpus abrangue todas as manifestacións relacionadas coa actividade dos homes e das mulleres da beiramar e das áreas fluviais ao longo do tempo: tanto obxectos e construcións como o patrimonio inmaterial e paisaxístico. Peiraos, arquitectura popular, artes de pesca, imaxinería, tradición oral, cancioneiro, toponimia... Todo isto compón un enorme legado, depositario da memoria colectiva de moitas xeracións.

É preciso poñer en valor esta cuestión cultural de primeira orde, xa que constitúe un dos nosos signos identitarios. Nos últimos anos, esta preocupación está a medrar, sobre todo grazas ao esforzo do tecido asociativo e cidadán que representa a cultura galega do mar e do río. Dese tecido é buque insignia a Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial. Fundada en 1994, logo do I Encontro de Embarcacións Tradicionais en Ribeira, a Federación reúne 38 clubs e asociacións de toda Galiza, ademais de tres asociacións do norte de Portugal. Ten a súa sede en Cambados, vila pioneira no asociacionismo marítimo: alí fundouse en 1917 o primeiro Pósito de Mariñeiros e Mariscadoras de todo o Estado.

O voluntarismo e o entusiasmo das primeiras asociacións permitiu iniciar, a comezos dos anos 90, o movemento de recuperación das embarcacións e da cultura marítima tradicional galega. Desde que en 1993 se celebrara o I Encontro de Embarcacións Tradicionais en Ribeira, cada vez foron máis os clubs e agrupacións de todo o país que se entregaron á construción e restauración de gamelas, botes polbeiros, bucetas, lanchas xeiteiras, traiñeiras, dornas, galeóns...

Actualmente xa se levan celebrado oito encontros, o último dos cales tivo lugar en Ferrol no verán de 2007: no peirao de Coruxeiras déronse cita unhas duascentas embarcacións tradicionais de Galiza e doutras zonas marítimas do Estado e de Europa, confirmando os Encontros como a maior manifestación cultural do patrimonio marítimo e fluvial da Península Ibérica. Un evento digno, en definitiva, de toda unha convidada de honra en Brest.

As iniciativas recentes

Aínda que queda moito por facer, en datas recentes están a xurdir iniciativas que axudan a impulsar este movemento de recuperación, en parte polo apoio das institucións públicas. Desde o ano 2006 a Consellaría de Cultura e Deporte e a Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial embarcáronse nun programa de difusión e de posta en valor do noso patrimonio coa proa posta cara a Brest. Un dos froitos desa colaboración foi, precisamente, o apoio ao Encontro de Ferrol, pero tamén o Proxecto NaBeira, que promoveu o patrimonio marítimo e fluvial galego en 11 localidades de toda Galiza durante a primavera e o verán do 2007.

Así mesmo, dentro desta aposta decidida cómpre sinalar un novo proxecto de divulgación nas grandes cidades galegas entre maio e xuño de 2008 e a asistencia a salóns náuticos en Galiza e en Francia durante o 2007 e o 2008. Tamén se está a traballar en materia de museos, coa reapertura do Museo do Mar de Galicia en Vigo, a ampliación do Museo Massó en Bueu e mais a inauguración dunha programación estable na Illa de San Simón.

Por outra banda, nos últimos anos saíron do prelo numerosas publicacións destinadas a recuperar e divulgar o patrimonio físico e inmaterial asociado á cultura marítima e fluvial galega. O último deles é o Dicionario Galego de Construción Naval, que recolle ata dúas mil entradas do vocabulario asociado á carpintería naval artesanal de ribeira. No terreo das publicacións periódicas, Ardentía, Revista Galega de Cultura Marítima e Fluvial é outro dos proxectos máis salientables a día de hoxe.

Ademais, as propias confrarías están a desenvolver proxectos de revitalización cultural. O proxecto MardeLira, por exemplo, é unha iniciativa creada e xestionada pola comunidade mariñeira de Lira que, mediante a organización de cursos, xornadas de pesca deportiva e o fomento do turismo mariñeiro, non só está a ser crucial na preservación deste saber, senón que tamén abriu outras vías de actividade a unha comunidade antes dedicada á exclusiva explotación do mar.

conselleria de cultura e deporte