Noticias

O VILLAGE GALICIA ACOLLE A NUMEROSO PÚBLICO INTERESADO POLA NOSA CULTURA

Galicia inaugura a súa presenza na Festa Marítima Internacional como convidada de honra

11/07/2008
Esta mañá deu comezo a Festa Marítima Internacional de Brest, o maior evento do mundo de cultura marítima, na que Galicia ocupa un lugar principal como país convidado de honra (a primeira vez para para un país que non é estado) no medio dun ambiente festivo e cunha importante afluencia de público.

O espazo reservado a Galicia, 1.500 m2 no corazón do evento, está a recibir numerosas visitantes que se achegan para saber máis sobre a nosa cultura e o noso patrimonio marítimo, visitando as exposicións permanentes, observando o traballo dos artesáns nos obradoiros ou admirando a frota galega que se atopa amarrada no peirao ao carón do Village Galice.

A presenza de Galicia neste evento tamén está a suscitar o interese da prensa polas particularidades do noso rico patrimonio marítimo, un dos máis variados en Europa, así como pola nosa  cultura e lingua propias.

Actividades no espazo galego en Brest

No Village Galice  están a desenvolverse as actividades permanentes de Galicia: carpintería de ribeira, obradoiros, servicio de restauración de produtos galegos de calidade, exhibicións sobre a patrimonio marítimo e cultural galego, puntos de información turística. Unha gran pantalla de 10 m2 funciona como fiestra a Galicia, proxectando ininterrompidamente material audiovisual sobrea nosa cultura, embarcacións, paisaxes.

Dentro das actividades programadas, este serán ás 20:30, terá lugar o primeiro concerto de Leilía, un dos grupos tradicionais galegos que, xunto con Treixadura,  acompañan á delegación galega para dar unha mostra da cultura musical do noso país.

O vindeiro mércores 16 de xullo celebrarase en Brest o día de Galicia, no que o noso país cobrará especial relevancia cun extenso programa de actividades, tanto en terra, cun acto de inauguración, botadura dunha dorna e concertos musicais, como no mar, onde a frota galega liderará dous desfiles comentados.


conselleria de cultura e deporte