Noticias

AS EMBARCACIÓNS GALEGAS CHAMAN A ATENCIÓN DO NUMEROSO PÚBLICO

A prensa bretoa destaca a presenza de Galicia en Brest

14/07/2008

O xornal Le Télégramme, un dos dous principais xornais en Bretaña abre o seu suplemento especial sobre a Festa Marítima Internacional de Brest cunha imaxe sobre a delegación galega. O outro xornal de referencia, Ouest France tamén destaca a presenza galega, que se sitúa xusto no corazón do que é o maior evento de cultura marítima do mundo.

Por outra banda, as embarcacións galegas están a chamar a atención do público no principal evento do mundo de cultura marítima. A galega é a frota máis numerosa de entre os países convidados de honra. Pola noite as embarcacións izan as súas velas ofrecendo unha estampa que reflicte a diversidade das diferentes embarcacións que hai no noso país.

Galicia é o primeiro país que non é estado que acode á Festa Marítima Internacional en calidade de país convidado de honra. Trátase dunha proba da riqueza e da potencia do noso patrimonio marítimo, que está á a carón doutros países de fonda tradición marítima como Noruega e Croacia. Ademais, o 16 de xullo teremos un protagonismo especial xa que terá lugar o Día de Galicia na Festa.

 

A Festa Marítima Internacional é un evento que ten lugar cada catro anos e no que participan 2.000 embarcacións tradicionais, antigas, clásicas e actuais de países de todo o mundo e 15.000 mariñeiros. Todo o porto desta cidade duns 150.000 habitantes participa nunha celebración que acolle a preto dun millón de visitantes e na que traballan 6.000 voluntarios.


conselleria de cultura e deporte